A escola é unha peza clave na contribución ao bo trato á infancia: as nenas e os nenos pasan alí unha parte considerable do seu tempo, en idades moi sensibles. Reciben formación académica, pero tamén instrumental, moral, de hábitos, etc; Aprenden nas clases, e tamén na convivencia e na relación que establecen coas persoas adultas e os iguais. Na actualidade, demándaselle á escola tanto funcións académicas como outras que tradicionalmente ficaban no eido familiar ou doutras institucións, e sen facilitarlle de xeito satisfactorio a autoridade e recursos para poder levalas a cabo. Meniños, como entidade que traballa no eido da infancia en situacións de dificultade social, é consciente de que a escola é un marco privilexiado na detección e atención temperá aos nenos e nenas cuxas necesidades non están ben atendidas no marco da familia, e tamén de que é preciso dotala de ideas, ferramentas e medios para intervir de maneira mais eficaz ante estas situacións. Así, o proxecto “Cando o semáforo está en ámbar” combina aspectos de sensibilización e prevención primaria con servizos centrados no asesoramento para a resolución de situacións concretas (prevención secundaria), e mesmo de intervención directa coas nenas e nenos e as súas familias.

Esta proposta levouse a cabo en Galicia en cursos pasados.

Para descargar o material educativo, preme na imaxe.